Wednesday 01 de May de 2024

O PSOE de Ordes solicita un incremento das partidas para servizos sociais, emprego e fomento da economía local nos Orzamentos de 2017


Os socialistas pedirán a inclusión dunha partida para axudas ao deporte seguindo na liña do solicitado no pleno de marzo de 2016
O grupo municipal socialista de Ordes vén de presentar no Concello de Ordes as súas propostas de cara os Orzamentos Municipais de 2017 e que xiran en torno a tres grandes eixos: servizos sociais, emprego e fomento da economía e o tecido empresarial ordense. A voceira municipal do PSOE de Ordes, Verónica Gómez, explica que “nesta situación de crise precisamos incrementar as partidas referidas a servizos sociais e aquelas destinadas a dar un pulo á economía local e ao noso tecido empresarial, como manter as campañas de promoción do comercio local e poñer en marcha iniciativas para a formación dos emprendedores”.

Así, os socialistas de Ordes solicitarán a inclusión de partidas específicas nos Orzamentos de 2017 para a posta en marcha dun Plan de Emprego Xuvenil e outro para maiores de 50 anos. Unha petición en consonancia coa proposta socialista para o Plan de Acción Social (PAS) que convoca a Deputación da Coruña, presentada a semana pasada.

Deporte

Así mesmo, o PSOE de Ordes instará ao Concello de Ordes a cumprir co aprobado no pleno de marzo de 2016 e destinar unha achega específica e o suficientemente ampla destinada a axudas ao deporte e aos deportistas e equipos de Ordes. Unha petición que foi aprobada en pleno a pesar do voto en contra do Grupo de Goberno, xa que contou cos votos a favor de PSOE, BNG e UXO. “O que pedimos agora é que o alcalde cumpra co mandato do pleno e non caia no erro de que o Concello de Ordes careza dunha auténtica política de fomento e apoio ao deporte, e non dun Concello que só aproveita os éxitos dos nosos equipos e deportistas para saír na foto ou utilizalos con fins propagandísticos”, indica Verónica Gómez.

Finalmente, os socialistas pedirán tamén partidas para a limpeza de camiños e mantemento dos roteiros; así como que se consignen partidas orzamentarias suficientes para desenvolver convenios de colaboración con outras Administracións. “Pedimos unha partida o suficientemente ampla como para poder financiar obras de abastecemento e saneamento nas parroquias, tanto para financiar obras propias como o que puidese vir da Xunta se se lles dá por investir en Ordes algo do que cobran a través do canon da auga”, apunta a voceira municipal socialista. Ademais, deste xeito se evitaría que o Concello tivera que estar aprobando continuas modificacións de crédito.